Tuesday 07 de May de 2024

Feijóo anuncia un investimento de máis de 45 millóns en programas de formación e emprego que beneficiarán a 100.000 persoas


Apunta que se investirán 23,5 millóns de euros na formación de desempregados, xa que se ten detectado que máis do 60% de parados de Galicia amosan graves deficiencias de formación

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou na rolda de prensa do Consello un investimento de 45,4 millóns en cinco programas de formación e emprego que beneficiará a 100.000 persoas. “Damos hoxe o visto e prace a un importante paquete de medidas en materias de emprego e formación para o ano 2015”, dixo, ao que engadiu que o Goberno galego redobrará os esforzos para que cada vez máis persoas poidan acceder a un emprego en Galicia.

Máis polo miúdo, Feijóo subliñou que o primeiro dos cinco programas vai destinado á formación de desempregados. Neste senso, apuntou que, segundo se ten detectado, máis do 60% dos parados de Galicia amosan graves deficiencias de formación, o que os dificulta, por riba doutras circunstancias, á consecución dun emprego. Polo tanto, o Goberno galego investirá para este fin 23,5 millóns de euros, e prevé realizar 700 accións formativas que beneficiarán a preto de 10.000 persoas.

A segunda liña de axudas irá destinada ao programa de emprego e formación para a mellora da empregabilidade en colaboración con entidades locais. Como sinalou o presidente da Xunta, levaranse a cabo 50 proxectos, cun orzamento de máis de 10 millóns de euros e centrados na realización de obras ou servizos de interese xeral e social, que procuren a cualificación profesional e beneficien preto de 1.100 persoas.

Así mesmo, o titular da Xunta precisou que sempre que sexa posible, un 20% dos participantes nestes programa serán beneficiarios da RISGA.

Os beneficiarios da Renda de Integración Social terán tamén un tratamento favorable nos programas integrados para o emprego. Segundo detallou Feijóo, esta liña contará cun orzamento de 5,7 millóns de euros e beneficiarán a 2.000 persoas a través de programas integrados de intermediación laboral.

En cuarto lugar, o presidente destacou o programa de fomento do emprego e mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades coas entidades locais, aos que a Xunta destinará un orzamento de 1,3 millóns de euros, beneficiando a 180 persoas.

Por último, o mandatario galego indicou que a Xunta impulsará tamén un programa de información laboral, orientación e prospección de emprego, que contará cun orzamento de 4,6 millóns de euros e beneficiará a 85.000 demandantes de emprego inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia.

Feijóo precisou que esta última orde xa foi publicada a pasada semana e está previsto que as outras catro saian tamén publicadas no Diario Oficial de Galicia antes de que remate a vindeira semana. “Por tanto, nos 15 primeiros días de xaneiro teremos máis do 40% do total de fondos adicados a emprego a disposición de empresas e a disposición do mercado laboral”, insistiu, logo de aseverar que non serán as últimas medidas, xa que a Xunta traballa en dous programas específicos dirixidos a menores de 25 anos e a parados de longa duración, que serán aprobados este mes de xaneiro e que teñen como obxectivo favorecer a inserción laboral destes colectivos.